O CIFP As Mercedes presenta un novo ciclo especializado en vehículos de competición
O CIFP As Mercedes de Lugo anunciou onte que será o primeiro centro docente público de España que oferte o ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición, que comezará a funcionar a próxima semana. O anuncio desta nova oferta educativa realizouse durante a visita que realizou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao centro, que conta con máis dun milleiro de alumnos e máis de 80 profesores.
Este ciclo superior, no que colaboran nove empresas, constará de dous cursos e 16 prazas. Ademais, permitirá, segundo explicaron, formar a traballadores "para mecánica de competición nacional e internacional".
O CIFP As Mercedes de Lugo imparte na actualidade ciclos das familias de Comercio e Márketing, Enerxía e Auga e Transporte e mantemento de vehículos. Pertence desde o ano 2022 á Rede estatal de Centros de Excelencia de FP no sector aeronáutico e, nos últimos anos, a Xunta investiu nel 5,3 millóns de euros para adaptalo ás necesidades dunha formación de calidade que aspira á excelencia.
A este acto tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que dixo que o CIFP As Mercedes é "un dous mellores centros de FP de Galicia e de España".
RUEDA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a “revolución silenciosa e imparable” que está a rexistrar a Formación Profesional galega cunha oferta de 42.174 prazas para o vindeiro curso, o que supón un incremento do 12 %, “a maior da historia de Galicia”, enxalzou.
“A revolución da FP en Galicia non fixo máis que empezar”, incidiu Rueda durante unha visita ao CIFP As Mercedes, que forma parte da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional. O mandatario galego aproveitou esta visita para pór en valor a Formación profesional, á que erixiu como “unha opción preferente” para cada vez máis estudantes por ofrecer “camiños laborais con moitísimas saídas”.
O presidente garantiu que o Goberno galego vai seguir reforzando a Formación Profesional en Galicia “ampliando o número de ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando os criterios para cursalos”. Así, explicou que no vindeiro curso o alumnado poderá escoller entre 182 ensinanzas diferentes de FP, “cun aumento de 4.500 prazas”.
Rueda precisou que ese abano inclúe nove titulacións máis, das que tres son de alta especialización a través da FP Dual; “unha delas, o ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición que se vai impartir no centro lucense”, engadiu.
Ademais, garantiu que a Xunta seguirá potenciando a FP Dual, “cun incremento de 135 % das prazas respecto do curso pasado”, o que permitirá incorporar na provincia de Lugo —segundo concretou— as familias profesionais de Imaxe e Son e Marítimo Pesqueira.
Rueda aproveitou esta visita para defender as “vantaxes” da Formación Profesional Dual, un modelo que cualificou de “rompedor e innovador”, do que salientou que está a “reducir a taxa de abandono escolar, diminuíndo o déficit de traballadores existentes nalgúns sectores, suplindo a falta de remuda xeracional, aumentando a empregabilidade e fixando poboación no territorio”.