O CIFP Carlos Oroza gaña o concurso Lvcus Doce de panadaría e pastelería celebrado en Lugo

O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra acadou o primeiro premio na segunda edición do Concurso de panadaría e pastelería Lvcus Doce, organizado polo IES Sanxillao de Lugo e celebrado durante dúas xornadas, nas que participaron estudantes de seis centros educativos de Galicia e doutras comunidades autónomas.
O segundo posto foi para o IES La Rosaleda de Málaga, mentres que o terceiro premio recaeu no propio IES Sanxillao, centro anfitrión do certame. Os integrantes do equipo gañador recibiron como recoñecemento un robot de cociña, mentres que os clasificados en segunda e terceira posición obtiveron un cheque para material de hostalería por importe de 300 euros e 150 euros, respectivamente.
O concurso consistiu na elaboración de distintas propostas de panadaría e pastelería, que posteriormente foron presentadas e avaliadas polo xurado, valorando tanto a calidade técnica como a creatividade dos traballos. A programación incluíu tamén unha visita formativa.
Na entrega de premios participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez. O certame contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e de Galicia Calidade, así como coa colaboración das empresas Europastry, Huelmo Lugo e Comercial Casal, que achegaron materias primas, materiais, premios e aloxamento.