O CIFP das Mercedes un exemplo de innovación

LugoXa
O Centro de Formación Profesional das Mercedes traballa en tres proxectos de innovación financiados polo Ministerio
31 Xan 2023

O Centro de Formación Profesional das Mercedes traballa en tres proxectos de innovación financiados con case 800.000 euros polo Ministerio de Educación e FP. Estes proxectos son un de realidade virtual en xeneradores eólicos, outro dunha cámara frigorífica de CO2 e por último unha aula de emprendemento actualizada e informatizada.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez realizou unha visita acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e a subdelegada provincial, Isabel Rodríguez a este centro para coñecer estes proxectos educativos que ten en marcha.

Durante o percorrido, a rexedora destacou que “a formación de alta calidade que se imparte no centro está estreitamente vinculada coa innovación e as novas tecnoloxías pero tamén co mundo empresarial que é o que ten capacidade para absorber despois todo ese talento local e retelo na súa cidade de orixe, creando oportunidades laborais”.

Segundo Lara Méndez o CIFP As Mercedes “visualiza á perfección ese peche de círculo, cunha excelencia xa recoñecida” e felicitou ao equipo directivo polo labor que desenvolven en prol da diversificación da ensinanza pero “co que tamén están a acadar un incremento do atractivo que posúe a cidade como polo de formación e referente educativo en todo o país” para o que aludiu que en torno ao 40% do seu estudantado do é de fóra do municipio.

A rexedora quixo aproveitar, así mesmo, a oportunidade para agradecerlle ao Goberno central a súa implicación “por apoiar o traballo que se leva a cabo dende os centros de Formación Profesional e por visualizar a súa importancia no obxectivo de dar pulo a sectores convencionais e estratéxicos da man das novas tecnoloxías e da sostibilidade”, concluíu Méndez.

0.19457602500916