O CIM de Palas atendeu dende 2009 máis de 800 persoas
O Centro de Información á Muller (CIM) de Palas de Rei atendeu dende 2009 máis de 5.000 consultas e a máis de 800 persoas. O CIM, un dos once cos que conta na actualidade a provincia luguesa, presta atención tamén ás localidades de Antas de Ulla, Friol, Guntín, Monterroso, e Portomarín.
Os CIM desenvolven un papel de relevancia na prevención da violencia de xénero, na atención ás vítimas e para a concienciación social en prol da igualdade, que acada inda máis incidencia no caso das contornas rurais.
O CIM de Palas de Rei atendeu desde 2009 atendeu a 808 persoas e un total de 5.072 consultas. A maior parte destes contactos referíronse a cuestións de asesoramento xurídico (2.131 consultas), atención psicolóxica (1.770), atención a vítimas de violencia de xénero (149), orientación para o emprego (179), divulgación de cursos, xornadas e actividades (693) e outras informacións (2).
Estes centros, que no ámbito da violencia de xénero ofrecen recursos de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero, tamén atenden ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e ás fillas e fillos e ás persoas dependentes delas coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia supón para elas.
Os Centros de Información á Muller priorizan, por outra banda, a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social, ao igual que a persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e ás súas familias e achegados.
Xogando en vacacións
Así mesmo, estase a levar a cabo o programa de conciliación Xogando en vacacións no que participan 90 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
A iniciativa recibiu este ano apoios por valor de 14.490 euros e facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos períodos de vacacións escolares, organizando programas de lecer para os menores da localidade.