O CIM de Palas de Rei programa diversas actividades para conmemorar o 25N
O Centro de Información a Muller (CIM) de Palas de Rei programa para este mes de novembro un conxunto de actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O título da campaña é: 'Palas de Rei dille non a violencia de xénero: Non máis violencia contra as mulleres', e as actividades levaranse a cabo entre o día 22 de novembro ata o 27 de novembro.
Desta maneira, todo comezará o venres 22 ás 12.00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Palas de Rei, coa representación de 'Golpes', protagonizada por Estíbaliz Veiga; un espectáculo teatral pedagóxico de sensibilización sobre a violencia de xénero e dirixido ao alumnado do IES de Palas de Rei.
Pola súa parte, o sábado 23 ás 11.00 horas terá lugar a 'VI Andaina contra a Violencia de Xénero de Palas de Rei o Castelo de Pambre', na que ademais fase fará un minuto de silencio por todas as mulleres asasinadas no que vai de ano, coa pancarta da campaña 'Non máis Violencia contra ás Mulleres'.
Xa o martes 26 a Biblioteca do CEIP de Palas de Rei acollerá a obra 'Terra de Soños' do Obradoiro de Teatro de Palas de Rei ás 10.00 horas, que irá dirixido ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria; mentres que ás 11.00 horas será representada para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria.
Finalmente, o mércores 27 o Colexio CEIP Palas de Rei acollerá o Obradoiro Creativo 'Cómics pola Igualdade' que se desenvolverá en dúas sesións, ás 10.40 e ás 11.30 horas. Esta actividade, deseñada para fomentar a reflexión, a creatividade e a sensibilización, ten como obxectivo promover valores de igualdade entre os máis pequenos, convidándoos a reflexionar sobre as relacións igualitarias e a importancia de identificar e rexeitar a violencia de xénero. A través da linguaxe do cómic, os participantes poderán explorar estas temáticas dun xeito lúdico e creativo, contribuíndo así ao seu crecemento persoal e ao fortalecemento dunha sociedade máis xusta e respectuosa.