O circuíto Jorge Prado prepárase para o Campionato de España de Motocross

LugoXa
O circuíto Jorge Prado prepárase con tarefas de acondicionamento para o vindeiro Campionato de España de Motocross
Circuito Moto cross lugo
5 Feb 2023

Dentro do circuíto municipal Jorge Prado estanse realizando tarefas de acondicionamento para o vindeiro 25 e 26 de febreiro que se celebrará unha das sete probas do Campionato de España de Motocross

Lara Méndez acompañada polo concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto e o presidente da Asociación Motopark Lugo, Miguel Parga - entidade que xestiona o recinto municipal e promotor da iniciativa - comprobou o avance das tarefas que se executaron nas últimas semanas entre as que se inclúen cambios de trazado e obstáculos na pista para adaptala ao nivel desta competición.

“Estas intervencións facilitarán os adiantamentos e garantirán así, en condicións de seguridade, carreiras máis emocionantes”, explicou a alcaldesa.

Miguel Parga trasladou que, até o momento, foron instaladas xa canalizacións para cronometraxe e cableado de televisión e que se está traballando agora na adaptación dos espazos de paddock e as zonas onde se instalarán as infraestruturas imprescindibles para o evento como o punto de saída, boxes, podium, lavamotos, oficina de carreira, etc. Mentres que, nos próximos días, acometerase o valado interior de seguridade da pista, a montaxe do valo de saída e a colocación das diferentes infraestruturas temporais para a proba.

Lara Méndez non dubidou en “ofrecer a máxima cooperación do Concello para que o circuíto Jorge Prado sexa un dos escenarios deste Campionato que, cun alto poder de convocatoria, axudará – estamos seguros – a proxectar a imaxe da nosa cidade como un excelente destino para a práctica desta disciplina, actualmente en auxe, acadando así un dos nosos obxectivos cando nos comprometimos co deportista lucense a habilitar as instalacións”, lembrou.

“Só uns meses despois de inaugurar oficialmente esta dotación, estamos a comprobar que xa se está a posicionar como nunha pista de referencia, con capacidade para albergar probas nacionais e internacionais”, engadiu a rexedora ao tempo que puxo en valor o atractivo do evento - no que se disputarán probas de MX1, MX2 e MX125 – e no que se prevé a participación duns 130 deportistas e a asistencia de máis de 10.000 espectadores.

Neste senso, Méndez destacou que xa se teñan vendido máis de mil localidades para esta cita, para a que xa se está a traballar na súa difusión e nos dispositivos que esixe a súa celebración.

A este respecto, a rexedora estudará agora as demandas da organización en cuestións relativas ás necesidades de equipamentos para a xestión de residuos, a atención sanitaria e os operativos de seguridade que controlarán os accesos, entre outros aspectos, e que se suman á achega de 70.000 € coa que o Concello de Lugo contribuíu ao evento.

Antes de rematar a visita ao circuíto, tanto Lara Méndez como o concelleiro Mauricio Repetto, sinalaron a versatilidade do recinto municipal, ubicado na parroquia de Teixeiro, que conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho.

Na súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos, contando así cunha ampla variedade, tamén de trazadas, para todos os niveis, mesmo aqueles máis técnicos e aptos para pilotos experimentados. A parcela dispón, alén, dun espazo habilitado para o paddock e reservouse, igualmente, outra zona para a práctica de quad cros, enduro e trial.

0.20124101638794