O circuíto Jorge Prado reúne a 70 mozos e mozas nun campamento de motocrós

LugoXa
A cita, organizada polo club madrileño 8.14 Army, serve de preparación para o Campionato de España Júnior e consolida Lugo como referente desta disciplina
Circuíto-Jorge-Prado-campamento-Lugo
14 Aug 2025

O circuíto municipal Jorge Prado de Lugo acolleu estes días un campamento de motocrós no que participaron 70 nenos e nenas de entre 4 e 13 anos procedentes de sete comunidades autónomas, nunha cita organizada polo club madrileño 8.14 Army, que por segundo ano consecutivo escolleu as instalacións lucenses para o seu desenvolvemento.

Durante o campamento, as e os pilotos perfeccionaron a súa técnica en distintos tramos da pista, en función das súas categorías —50, 65 e 85 cc—, co obxectivo de prepararse para o Campionato de España de Motocrós Júnior, que se celebrará no mesmo escenario os días 20 e 21 de setembro.

Ademais, as xornadas inclúen cinco horas de adestramento pola mañá e actividades complementarias polas tardes, como visitas ao parque de ocio Lucus Aventur, en Ombreiro, ou a observación da choiva de estrelas na parroquia de Teixeiro, un enclave natural privilexiado.

O responsable do club organizador, Julio López, afirmou que “é o segundo ano que vimos a Lugo, despois de pasar por outros circuítos nacionais, e é un privilexio estar aquí; é o mellor circuíto que hai en España”.

O Concello de Lugo colabora co evento facilitando infraestruturas, especialmente na zona de paddock, onde se instalaron boa parte das caravanas das familias participantes, mentres outras optaron por aloxarse na cidade e aproveitar para coñecela. Pola súa banda, o club lucense Motopark encargouse do mantemento e posta a punto do circuíto e outras dotacións necesarias para o bo desenvolvemento da actividade.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, visitou aos participantes durante unha das sesións de adestramento e subliñou que “iniciativas como esta non só serven para promover o motocrós, senón tamén para dar a coñecer a cidade de Lugo e este circuíto, un dos mellores non só de España, senón tamén a nivel internacional”.

⚙ Configurar cookies
0.16897201538086