O Círculo das Artes acolle un concerto do Cuarteto Gerhard cun programa dedicado a Beethoven

Este venres, 28 de novembro de 2025, ás 20:00 horas, o Círculo das Artes de Lugo será o escenario dun concerto do prestixioso Cuarteto Gerhard. A agrupación ofrecerá un programa centrado en dúas das últimas obras de cámara de Ludwig van Beethoven: o Cuarteto nº 16, Op. 135 e o Cuarteto nº 15, Op. 132, dúas pezas que condensan a madurez creativa e a intensidade expresiva do compositor alemán.
O Cuarteto Gerhard está integrado por Lluis Castán e Judit Bardolet aos violíns, Miquel Jordà á viola e Jesús Miralles ao violoncello. Considerado un dos conxuntos máis destacados da súa xeración a nivel internacional, o grupo distínguese pola súa sensibilidade sonora e por un profundo respecto pola música entendida como un valor humano esencial.
A súa formación artística estivo marcada por referentes de prestixio en Basilea, Berlín e Hannover, onde obtiveron a primeira Matrícula de Honra en música de cámara da historia da Hochschule. Ademais, cursaron estudos no Instituto de Cámara da Escola Superior de Música Reina Sofía con Günter Picher, para o que foron seleccionados como bolseiros.
Co paso dos anos, o Cuarteto Gerhard consolidou unha traxectoria brillante, avalada por premios nacionais e internacionais e por aparicións en escenarios de primeira liña, como o Concertgebouw e o Muziekgebouw de Ámsterdan, a Elbphilharmonie de Hamburgo, a Tempada de Música de Cámara Stadt-Casino de Basilea, o Festival de Cuartetos de Corda de Bordeos ou o Festival Radio France Montpellier. Tamén actuaron na Tempada Musikamera do Teatro La Fenice de Venecia e en importantes festivais como a Schubertiada de Vilabertran, o Festival Pau Casals do Vendrell, Porta Ferrada, Aix-en-Provence ou Verbier.
Desde 2023 forman parte da Plataforma Merita, que lles ofrece unha destacada proxección internacional, e son agrupación residente na Quincena Musical de San Sebastián e no Festival de Torroella de Montgrí, onde desenvolven a integral dos cuartetos de Shostakóvich.