O Círculo das Artes de Lugo albergou a XI edición dos premios Crer no movemento veciñal
A XI edición dos premios Crer no movemento veciñal da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) celebrouse nun acto que acolleu o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo e ao que asistiron autoridades e representantes do tecido asociativo, empresarial e social de toda Galicia.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca destacou na súa intervención que Lugo é unha provincia “referente no asociacionismo en defensa do común” e puxo en valor que “as asociacións de veciños estiveron presentes en momentos clave para impulsar o nacemento da democracia ou para reivindicar a autonomía. E seguen a estar presentes para defender día a día os intereses lexítimos e as aspiracións da cidadanía”.
“Coma sempre, estes premios son un exemplo de pluralidade e diversidade”, destacou o mandatario provincial, quen puxo en valor que se distinga a persoas e institucións valoradas por estar a carón da veciñanza.
Pola súa parte, Javier Arias, delegado territorial da Xunta, lembrou que os orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 4 millóns de euros para as subvencións anuais dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais xunto con comunidades de usuarios de auga, no marco do Plan específico de acción comunitaria.
Deste xeito, a Xunta "dá resposta ao éxito destas axudas nos últimos anos e á elevada demanda. Ademais, recoñécese así o papel fundamental destas entidades na dinamización da vida local e na canalización das peticións da veciñanza. A través destas axudas, a Xunta colabora cada ano coas entidades veciñais e de mulleres rurais para axudarlles a levar a cabo melloras nos seus locais sociais e dotalas do equipamento necesario co que realizar a súa actividade, así como coas comunidades de usuarios de augas en reparacións de traídas de augas".
Ao abeiro deste apoio, 341 entidades veciñais da comunidade foron beneficiarias da convocatoria deste ano, 33 delas na provincia de Lugo cun investimento de máis de case 270.000 euros.
Javier Arias puxo en valor o traballo de Cogave, entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia e que ten entre os seus obxectivos prioritarios dinamizar o movemento veciñal galego, dando os servizos que as federacións confederadas demandan para garantir o mellor funcionamento e as melloras necesarias. O orzamento destinado a esta medida ascende a 73.000 euros neste exercicio e supera os 790.400 euros nos últimos anos.
Os premiados foron a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos e o director do diario El Progreso, Alfonso Riveiro, Xosé Luis Foxo Rivas, director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense; o escritor Justo Calviño; o proxecto de voluntariado no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera; o grupo naturalista Habitat; a Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón; Alfonso Gil Montalvo, delegado episcopal de Cáritas; a escritora Fina Casalderrey; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra; e a Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta.