O Círculo das Artes repartirá no Entroido 4.000 euros en premios
O Círculo abrirá o Entroido o sábado 10 de febreiro cun baile de disfraces, que se celebrará dende as 12 da noite e no que se repartirán 4.000 euros en premios. En comparsas, os dous primeiros grupos clasificados obterán 1.200 e 700 euros; en parellas os premios serán de 500 e 300 euros; mentres que os dous mellores disfraces en categoría individual levarán 300 e 200 euros. A maiores, este ano haberá un premio de animación. O concurso celebrado no Salón Rexio está aberto tamén ao público xuvenil, cun premio por categoría de comparsas, parellas e individual, que recibirán 400, 250 e 150 euros respectivamente.
Ademais do concurso de disfraces, a música será outro dos grandes protagonistas do programa de Entroido. O sábado 10, o baile de adultos estará amenizado pola orquestra La Favorita. E o luns día 12, retómase o tradicional baile de entroido coa actuación, a partir das 23.30 horas, da Banda Sons e Soños, en formato orquestra, da Asociación Músico Crisanto.
O 13 de febreiro celebrarase o Festival Infantil, que comezará ás 17.00 horas no Salón Rexio, co espectáculo Superheroe, de Fran Rei. Para participar no concurso de disfraces é imprescindible inscribirse ata o día 9 de febreiro nas oficinas da sociedade, ou a través do correo electrónico circulodelasartes@yahoo.es.
A programación festiva do Círculo rematará o sábado 17 de febreiro a partir das 22.00 horas co tradicional cocido e Baile de Piñata, amenizado por Los Parrots.
A reserva de mesas para os días 10, 12 e 17 pode efectuarse nas oficinas do Círculo a partir do luns 5 de febreiro ás 17.00 horas.