O Clavicémbalo de Lugo será o escenario do Festival solidario por un Sáhara libre
O vindeiro domingo, 22 de decembro, o emblemático local Clavicémbalo de Lugo será o escenario do Festival solidario por un Sáhara libre, un evento que combina música e activismo para apoiar a causa saharaui.
Desde as 17.00 horas e ata o peche, o público poderá gozar dunha programación musical diversa coa participación de sete grupos: Beach Avenue, Os Eméritos, Filophóbicas, Mazzing, Mutualistas, Skintight e Verter Gz.
O prezo da entrada é de 12 euros e toda a recadación será destinada á Media Lúa Vermella Saharui, organización que traballa nos campos de refuxiados e refuxiadas de Tinduf, en Alxeria.
O evento comezará cunha intervención da activista saharaui Suadu Mohamed Fadel, quen ofrecerá unha exposición sobre a situación actual do seu pobo, marcada pola inxustiza e a loita pola autodeterminación.
A organización do festival corre a cargo da Comunidade Saharaui en Galiza, Asociación Contracorrente, Esquerda Unida Lugo e o Partido Comunista de Galicia, que uniron forzas para visibilizar a causa saharaui e recadar fondos para unha poboación que leva décadas sufrindo un conflito non resolto.
Con lemas como 'Basta de traizóns e falsas promesas. Paz, xustiza e autodeterminación para o pobo saharui', os organizadores animan á cidadanía a participar neste evento solidario, que representa un chamamento urxente a favor dun Sáhara libre.