O club Alpha Wolf Pack destaca na Copa de BJJ de Castilla y León da FIJJD

LugoXa
O equipo liderado por Krön Castaño acadou múltiples medallas nun torneo celebrado en León que reuniu a máis de 600 atletas
Alpha-Wolf-Pack-Lugo
15 Mar 2026

O club Alpha Wolf Pack participou na Copa de BJJ de Castilla y León organizada pola FIJJD, unha competición que tivo lugar no Polideportivo Puente Castro, na cidade de León.

O evento contou coa presenza de máis de 600 atletas, o que o converte nun dos torneos máis relevantes do norte de España dentro do ámbito do Brazilian Jiu-Jitsu. A competición caracterizouse polo elevado nivel deportivo, con combates de gran intensidade e unha organización que destacou polo seu alto grao de coordinación.

O equipo Alpha Wolf Pack, dirixido por Krön Castaño, presentou un total de dez deportistas, que obtiveron destacados resultados nas diferentes categorías tanto con kimono como sen kimono.

Entre os resultados máis salientables destacan as dúas medallas de ouro acadadas por Pablo Pérez, que se impuxo nas modalidades con kimono e sen kimono, e tamén as dúas medallas de ouro conseguidas por Alejandro Mena nas mesmas disciplinas. Pola súa parte, Borja Fernández logrou o ouro na categoría con kimono e a prata sen kimono, mentres que Luis Dos Santos obtivo o ouro con kimono.

No apartado feminino, Valeria Flores e Mark Flores proclamáronse campións nas súas respectivas categorías, mentres que Lucas Montenegro acadou unha medalla de prata sen kimono e outra de bronce con kimono. Aroa Pico sumou unha prata na modalidade sen kimono e Daniel Flores completou o medalleiro do equipo cunha prata.

Desde o club destacaron o alto nivel das actuacións do conxunto de atletas, que competiron con gran intensidade nun torneo de esixencia elevada.

A próxima cita para o equipo será o Open de Galicia, que se celebrará en abril en Sada e que servirá como preparación para o Campeonato de España de Brazilian Jiu‑Jitsu previsto para o mes de maio en Madrid.

0.1229419708252