O Club Atletismo Lucus competirá en Nerja coas súas escuadras sub-14 no Campionato de España por equipos

Os equipos sub-14 do Club Atletismo Lucus Caixa Rural participarán esta fin de semana no Campionato de España por equipos, que se disputará na localidade malagueña de Nerja. O club lucense será o único representante galego nesta cita estatal con formacións tanto masculinas como femininas, un feito que supón un importante fito para a entidade.
O equipo feminino estará composto por Naia Freijo, Blanca García, Gisela González, Paula Pazo, Daniela Rodríguez, Eva Veiga, Marcela Viro, Carla Zurita e Sara Rodríguez. Pola súa parte, o equipo masculino estará integrado por Xian Piñeiro, Bruno Rodríguez, Asier Otero, Roberto Valiño, Álvaro Gómez, Bruno Varela, Martín García, Diego Rodríguez e Rodrigo Gómez.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, coincidiron en destacar que esta participación reflicte o intenso traballo que o club vén desenvolvendo coas súas categorías base. Ambos animaron ás e aos deportistas a gozar da experiencia e do valor de competir en equipo a nivel nacional.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará no financiamento dos gastos derivados da viaxe ata Nerja, á que os equipos partirán o vindeiro venres para representar á provincia nesta cita deportiva.