O Club Billar Adai pon en marcha o seu primeiro campamento de verán para nenos e nenas

O Club Billar Adai impulsa este verán o I Campamento Galego de Billar, a súa primeira proposta dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 18 anos, que terá lugar os días 1, 2 e 3 de agosto en Santiago de Adai, no Concello do Corgo.
As instalacións do club, situadas nun contorno natural a apenas 17 quilómetros de Lugo, permitirán desenvolver un programa intensivo de fin de semana no que se fusionan a práctica do billar con actividades lúdicas ao aire libre.
O campamento dará comezo o venres 1 de agosto ás 16:00 horas e rematará o domingo 3 sobre as 20:00 horas. A tarifa de inscrición é de 50 euros por participante, sen que sexan precisos coñecementos previos deste deporte.
A programación inclúe actividades formativas e de lecer como unha xincana titulada “Descubrindo os tesouros de Adai”, miniolimpiadas rurais, introdución ao billar mediante técnica e práctica, e o xogo Pool-trivial ‘Canto sabes de billar?’.
Ademais, impartirase un taller de iniciación aos primeiros auxilios a cargo do enfermeiro Victor Castro, así como torneos junior e de iniciación. Outra das propostas será a masterclass “Mente e tiza: xestión emocional no billar”, coa intervención da profesional Mayte Ropero e da psicóloga deportiva Aurora Mosquera. Completan a oferta unha festa da escuma, xogos con auga, acampada opcional, cine ao aire libre, contacontos na fogueira e outras propostas.
A participación estará limitada a 30 prazas, que constitúen tamén o mínimo necesario para garantir a realización do campamento.
As persoas interesadas poden consultar toda a información e reservar a súa praza antes do 21 de xullo cubrindo o formulario de preinscrición dispoñible.