O club Biosbardo liderou as probas de Parada do Sil e Sarria da fin de semana
Esta fin de semana os combinados do CD Biosbardo percorreron as 4 provincias galegas con probas en Sarria, Xermade, Coruña, Ames, Compostela, Parada de Sil ou Vigo.
Na carreira dos Canóns do Sil Eneko Hurtado e Fran Sobrado quedaron campión e subcampión. Ata Parada de Sil desprazáronse os dous deportistas para a proba máis explosiva que percorre os balcóns que dan nome á proba. En máis de 7 quilómetros tiveron que superar os 400 metros de ascenso para coroarse campión e subcampión nesta proba tan esixente, na que a choiva foi a protagonista.
Eneko Hurtado dominou de principio a fin, descolgándose nos últimos quilómetros de Fran Sobrado, compañeiro de equipo. Ambos os dous cruzaron a meta afianzando o liderado lucense na proba.
No Desafío Internacional Ecocamiño 110k tamén houbo dominio biosbardo. Proba do calendario internacional da RFEA con saída ás 8 da mañá en Sarria e meta no Monte do Gozo. Emilio Montilla domina a súa categoría (M50) cun tempo de 10,52 afianzándose como cuarto absoluto da clasificación xeral (a moi poucos minutos do podio absoluto).
Esta é a primeira participación de Milo nunha proba desta distancia, que culminou de xeito moi satisfactorio e o coloca como primeiro clasificado no ránking galego da modalidade ultra en trail running.