O Club Ciclista Cidade de Lugo celebra 25 anos promovendo o deporte e formando xeracións de ciclistas

O Club Ciclista Cidade de Lugo celebrou os seus vinte e cinco anos de traxectoria cun acto institucional no Vello Cárcere, ao que asistiron representantes das tres administracións: o Concello de Lugo, a Deputación e a Xunta de Galicia.
Desde a entidade deportiva valoraron como un éxito rotundo a celebración, na que se recoñeceu o traballo das directivas que ao longo deste cuarto de século contribuíron ao crecemento do club.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou ao actual presidente, David Castro, e a todas as persoas que lideraron a entidade ao longo do tempo, “por promover o ciclismo entre varias xeracións de lucenses e por impulsar a traxectoria de destacados deportistas da provincia”. Arias confirmou ademais o compromiso do Goberno galego co club, que aspira a que esta conmemoración marque un punto de inflexión desde o que seguir medrando tanto en número de socios como en actividades.
Na actualidade, o Club Ciclista Cidade de Lugo organiza dous eventos de gran relevancia no calendario deportivo provincial: a Ancares Cycling Marathon e o Gran Premio Ciclista San Froilán.