O Club de Billar Adai acolle o Campeonato Galego Femenino con novidosa modalidade de bola-8

O Club de Billar Adai converteuse no escenario do Campeonato Galego Femenino, un evento que xa se consolidou como referente do deporte feminino na comunidade. Cada ano, as mellores xogadoras das catro provincias enfrontanse nas diferentes modalidades de billar pool polo título galego, e nesta edición destacou a introdución da modalidade de bola-8.
Tras cinco anos organizando esta cita deportiva, co apoio da Deputación de Lugo, o torneo evolucionou ata situar Galicia como a comunidade autónoma con máis xogadoras, reforzando o papel do billar feminino na rexión. Destaca tamén o incremento de participación de xogadoras júnior, garantindo o futuro deste deporte.
Nos resultados, Verónica González, do Club de Billar Valmiñor (Gondomar, Pontevedra), impúxose en todas as categorías: bola-8, bola-9 e bola-10. No podium de bola-8 acompañárona Mar Expósito (Asociación Galega de Billar Pool, Cangas, Pontevedra), Sara Castro e Sheila Quiroga. Na bola-9, o subcampionato recaeu en Mafalda Becerra (Club de Billar La Tronera, Santiago de Compostela), e as semifinalistas foron Sara Castro e Rebeca Ríos. Na bola-10, Rebeca Ríos foi subcampioa, acompañada en semifinais por Sara Castro e Belén Encabo (ambas do Club de Billar Adai, O Corgo, Lugo).
Na entrega de premios participaron autoridades como Felipe Labrada, alcalde do Concello do Corgo, Marcos Trasorras, tenente de alcalde, Pilar Bellón, concelleira, e Jesús Vázquez en representación da Xunta de Galicia. Ademais de competir polo título autonómico, as xogadoras buscaban a clasificación para os Campionatos de España, que se celebrarán do 21 ao 24 de maio, sendo Adai o anfitrión desta competición nacional.