O Club de Billar Adai deixa pegada no Mundial VNEA de Las Vegas con dous podios e varios postos de honra

O Club de Billar Adai vén de regresar dunha intensa e inesquecible aventura deportiva tras competir no Campionato do Mundo Amateur VNEA 2025 celebrado en Las Vegas, Estados Unidos. Durante 14 días, varios xogadores do club tiveron a oportunidade de medirse a máis de 1.000 participantes de múltiples nacionalidades, nun evento que reuniu máis de 300 mesas e que converteu á cidade do pecado na capital mundial do billar.
A expedición galega colleitou resultados moi salientables, con presenza en varias fases finais e dous lugares de honra nos podios internacionais. A xogadora Covadonga Marín logrou a medalla de prata na categoría Regular Women’s 9-Ball Singles, onde competían 132 participantes, mentres que o equipo Team Spain —formado por Alex Doval, Carlos Belmonte, Salvador García, José González e Jesús Borrueco— acadou un destacado terceiro-cuartro posto no World Team Championships, enfrontándose a outras oito seleccións.
Ademais, a parella formada por Pablo Marqués e Belén Encabo situouse entre os 9º-12º mellores en Regular Mixed Doubles de entre 210 parellas. Na mesma posición rematou Javier Raposo na modalidade masculina individual Regular Men’s 9-Ball, onde competían 491 xogadores. O equipo feminino Valenciaga Pool Queens —con Belén Encabo, Eva Vivas, Patricia Sánchez e Susana Fernández— tamén acadou a mesma clasificación no torneo Regular Open 8-Ball Women’s Teams, con 97 conxuntos en liza. Pola súa banda, o equipo Galitina Team, composto por Pablo Marqués, Álex Doval, Javier Raposo, Pablo Rey e Luciano Lombardo, quedou entre o 33º e 48º posto na categoría Regular Open 8-Ball Teams, con 380 equipos participantes.
O Club Adai celebra con orgullo esta experiencia internacional, que representa un fito na súa traxectoria e un impulso para o billar galego a nivel mundial.