O Club de Billar Adai pecha con éxito a primeira edición da Senshi Cup Júnior 2025

O Club de Billar Adai deu por rematada a primeira edición da Senshi Cup Júnior 2025, un torneo que superou amplamente as expectativas iniciais e que deixou moi boas sensacións entre participantes, organización e público. O evento xurdiu inicialmente como un enfrontamento amistoso entre os clubs Adai e Teo, pero o alto nivel de xogo e, sobre todo, a ilusión e implicación dos xogadores máis novos abriron a porta a que no futuro poidan sumarse máis clubs galegos.
Desde a entidade organizadora destacaron a boa acollida da competición e agradeceron a participación de todos os xogadores e xogadoras, así como o apoio dos seus acompañantes e a colaboración dos socios do club, cuxa implicación foi clave para o desenvolvemento dunha xornada cualificada como moi especial.
No apartado deportivo, o triunfo foi para o equipo Teo Poldros, que se proclamou campión tras amosar un alto nivel de xogo e un destacado espírito competitivo ao longo de todo o torneo. Desde o Club de Billar Adai trasladaron os seus parabéns aos gañadores e avanzaron, en ton distendido, que na próxima edición prometen poñerlles as cousas máis difíciles.
A organización quixo tamén recoñecer de maneira especial o apoio de Andrés Varela, quen a través da súa marca Senshi Cues apostou desde o primeiro momento polo billar e, de maneira particular, polos xogadores e xogadoras máis novos, contribuíndo de forma decisiva ao éxito desta primeira edición da Senshi Cup Júnior.