O Club de Lectura Palco do Corgo dinamiza a lectura coa participación de autores locais

O Club de Lectura Palco do Corgo, que se desenvolve desde setembro de 2023 no punto de atención á lectura do municipio, continúa consolidándose como un espazo de encontro para amantes da lectura un venres de cada dous meses, cun formato que permite unha participación activa e próxima coa literatura.
Un dos atractivos do club é a presenza das escritoras e escritores das obras que se len. Así, nos encontros pasados estiveron con Toño Núñez e Benedicta Sánchez, e nesta ocasión será Ángela Gracián, autora do libro que se está lendo actualmente, quen compartirá experiencias cos participantes, facendo máis interesantes as sesións e aumentando a asistencia.
No club participan máis de vinte persoas, aínda que non todas asisten a cada encontro. Destaca a diversidade xeográfica do grupo, con membros procedentes de municipios como O Corgo, Castroverde ou Láncara. O seu fondo lector é amplo, lendo poesía, narrativa e teatro segundo as preferencias dos participantes, pero dando prioridade a autores da zona para favorecer a participación nas xuntanzas. Durante as sesións coméntanse o libro, a forma de escribir e as emocións que xera na lectura.
Ademais das sesións habituais, o ano pasado realizaron unha andaina inspirada na lectura do libro Escapadas polo Corgo. Desde o club destacan tamén o apoio do Concello do Corgo, que cede o local e subvenciona a compra de seis exemplares para que poidan ser lidos entre todos os membros.