O Club de Patinaxe Artístico do Corgo celebra a súa Gala de Nadal 2025 no pavillón do CEIP

O Club de Patinaxe Artístico do Corgo organiza este mércores, 17 de decembro, a partir das 19.00 horas, a súa Gala de Nadal 2025, que terá lugar no pavillón do CEIP O Corgo.
Trátase dun evento moi especial no que participarán todos os nenos e nenas que forman parte do club, nunha xornada pensada para compartir co público o traballo desenvolvido ao longo do ano.
A gala converterase nunha tarde chea de patinaxe, ilusión e emoción, na que o alumnado amosará o seu talento sobre rodas a través de diferentes coreografías. A música terá un papel destacado, cunha ambientación inspirada nos anos 80, que servirá de fío condutor dun espectáculo pensado para todos os públicos.
Desde o Club de Patinaxe Artístico do Corgo animan a toda a veciñanza e ás persoas afeccionadas á patinaxe a achegarse ao pavillón e participar como público nesta cita nadalicia, que busca combinar deporte, diversión e convivencia nun ambiente festivo.