O Club Deportivo Biosbardo consolida a tres deportistas na Selección Galega

O Club Deportivo Biosbardo despide o ano ao grande ao participar en dúas probas do ranking da Federación Galega de Atletismo sumatorias para a Castro Caldelas Vegan Trail, nas que destacou Marcos Pascual, que se proclamou gañador absoluto da combinada.
O sábado foi a carreira vertical, puntuable como G3, na que Tamara García conseguiu o subcampionato feminino, ratificando o seu 2º posto no Ranking Galego, xusto por detrás da gañadora Alba Rey. En categoría masculina, a carreira foi dominada polo madrileño Luis Nogueira, mentres que o primeiro biosbardo entrando en meta era Marcos Pascual como 4º absoluto e 1º master. No resto de categorías, destacou o 2º posto master 2 de Emilio Montilla.
Pola súa parte, o domingo tivo lugar o trail, que con 37,5 quilómetros e máis de 2.200 positivos é considerado un dos máis duros de Galicia. Neste, Marcos Pascual saíu no grupo de cabeza e mantívose ata a última subida, onde caeu ata a 6ª posición.
Así, Marcos Pascual proclamouse subcampión master, seguido no 3º posto polo seu irmán Fran Pascual; mentres que Federico Losada facíase co 1º posto Master 2.
“Con estes resultados os nosos deportistas tamén suben postos no ranking de cara a confirmación da Selección Galega”, din desde o Club.
Finalmente, con respecto ao final do ano, o CD Biosbardo destaca no sector trailrunning co ranking vertical absoluto no que Tamara García pecha o ano como 2ª absoluta, sendo tamén 2º absoluto Marcos Pascual.
A maiores, por categorías, o Biosbardo ratifica como número 1 anual a Marcos Pascual en M40, Federico Losada en M45 e Emilio Montilla en M50.
E no ranking classic absoluto, que conformará a Selección Galega estará Federico Losada, número 1 absoluto, acompañado no 3º posto por Marcos Pascual, mentres que Tamara García se consolida na 4ª praza absoluta. Das 5 prazas de selección galega masculinas e femininas, o Biosbardo consolida a tres deportistas.