O Club Deportivo Biosbardo de Lugo destacou no Campionato Galego de Trailrunning

O Club Deportivo Biosbardo de Lugo destacou no Campionato Galego de Trailrunning, unha das citas máis importantes do calendario deportivo de Galicia. Neste esixente percorrido de 28 km con máis de 1770 metros de desnivel positivo, o club tivo un rendemento sobresaínte na loita polos títulos individuais e as prazas de selección.
Na categoría masculina, Federico Losada coroouse como Campión Galego M45, alcanzando o 8º posto na clasificación xeral, consolidando a súa posición no grupo de cabeza e asegurando o seu lugar na selección galega. Marcos Pascual proclamouse Campión Galego M40, entrando en meta no 10º posto absoluto e garantindo tamén a súa presenza na selección.
Por súa parte, Emilio Montilla logrou o título de Subcampión Galego M50 e ocupou o 14º posto na xeral, mentres que Fran Pascual se colou no podio co bronce galego M40, rematando no 16º posto xeral.
Os outros membros do equipo masculino tamén brilaron na clasificación xeral, destacando Iván Barca (26º), Jacobo Rodríguez (34º), Juan Miguel Fernández (43º), José Antonio Voces (62º), Diego Indalecio (63º) e Manu Porto (70º).
Na categoría feminina, Tamara García asinou unha impresionante actuación ao rematar na 4ª posición absoluta, cunha carreira estratéxica e perfectamente xestionada, o que lle permitiu asegurarse a súa praza na selección galega. Alba Rey, a pesar de non sentirse ao 100%, conseguiu o bronce galego M35 ao terminar no 8º posto absoluto.
Por súa parte, Tere Dieste fixo súa a medalla de Subcampioa Galega M45 e rematou no 10º posto, mentres que Fanny Abelenda finalizou no posto 11º.
Tamén merece unha mención especial Enara Fernández, corredora local que, aínda que renunciou a competir, estivo ao fronte da carreira como peche, realizando unha labor vital para o desenvolvemento do evento.
Grazas a estes resultados excepcionais, o Club Deportivo Biosbardo garante tres prazas absolutas na Selección Galega, que representará a Galicia no Campionato de España de Trail por Seleccións en Ibiza, o próximo 12 de abril. Os seleccionados son Federico Losada, Marcos Pascual e Tamara García.
Un éxito rotundo para o trailrunning galego e unha mostra do gran nivel competitivo do Club Deportivo Biosbardo.