O Club Deportivo Castro abre as súas portas para captar novas promesas do fútbol

LugoXa | TerraChaXa
A partir do luns será a quenda do fútbol 8 para as categorías de alevín, benxamín, prebenxamín e biberón
cd-castro-club-todos-os-xogadores
7 Sep 2025

O Club Deportivo Castro arranca este luns coa segunda quenda do programa de portas abertas co obxectivo de atraer nenos e nenas que queiran iniciarse ou continuar no mundo do fútbol. A iniciativa celébrase en dúas quendas: a primeira, que xa se celebrou, do 18 ao 21 de agosto, para as categorías de fútbol 11 (xuvenil, cadete e infantil), e do 8 ao 19 de setembro, dirixida ás categorías de fútbol 8 (alevín, benxamín, prebenxamín e biberón).

Dende a entidade destacan que non existen límites nin barreiras para participar. A idade non importa, tampouco o sexo, xa que o club aposta por un deporte inclusivo e accesible para toda a rapazada a partir dos catro anos. As sesións permitirán coñecer as instalacións, adestrar con técnicos titulados e probar a experiencia sen ningún tipo de compromiso.

O Club Deportivo Castro quere dar a oportunidade a todas as crianzas e mozos de descubrir as vantaxes dun deporte colectivo, que ademais pode ser compatible con outras disciplinas. “Animamos a todos e todas a vir probar e gozar do fútbol nun ambiente de convivencia e aprendizaxe”, sinalan dende a directiva, que lembra que o obxectivo é formar deportistas, pero tamén fomentar valores de compañeirismo e esforzo.

Con esta campaña de portas abertas, o club busca reforzar a súa canteira e consolidarse como un referente deportivo na comarca, abrindo as portas a novas xeracións de xogadores e xogadoras que manteñan viva a paixón polo fútbol en Castro de Rei.

As persoas interesadas en probar poden reservar con Dumi (627 903 692) e Raúl (633 690 332).

⚙ Configurar cookies
0.045290946960449