O Club Escola Lucense de Tiro con Arco competiu na Liga Galega Individual ao Aire Libre

O Club Escola Lucense de Tiro con Arco participou na Segunda Xornada da Liga Galega Individual de Tiro con Arco ao Aire Libre, con presenza nas divisións de Arco Recurvo e Arco Composto, tanto en modalidade masculina como feminina, e nas categorías Cadete (U18), Júnior (U21), Sénior (U50) e Veterano.
Arqueiros das categorías Sénior e Veterano do club desprazáronse ata a localidade pontevedresa para afrontar unha esixente proba que consistiu en dúas tandas de 36 frechas, sumando un total de 72 frechas: a unha distancia de 70 metros para os Sénior e 60 metros para os Veteranos.
En canto aos resultados, Andrés Casaleiro Piña, na categoría Recurvo Sénior Masculino, finalizou no posto 17 cun total de 452 puntos, mentres que José Luis López Jiménez, en Recurvo Veterano Masculino, acadou o posto 15 con 429 puntos. Ambos arqueiros completaron a proba demostrando constancia e compromiso, malia as limitacións para adestrar en condicións similares ás da competición.
"Aínda que os resultados poidan parecer discretos en termos clasificatorios, adquiren un gran valor se se ten en conta a ausencia total de instalacións públicas en Lugo para a práctica do Tiro con Arco ao Aire Libre", explican desde o club.
Esta carencia impide aos arqueiros lucenses realizar adestramentos específicos para este tipo de competicións, a diferenza doutros clubs galegos que si contan con instalacións axeitadas e dispoñibles diariamente.