O Club Fluvial de Lugo oferta 200 prazas en novos cursos de natación
O Club Fluvial de Lugo oferta, para o segundo trimestre do ano, 200 novas prazas en cursos de natación. O prazo de inscrición para novas altas estará aberto ata o vindeiro día 31 de marzo nas oficinas do club.
Os cursos desenvolveranse desde o 1 de abril ata o 30 de xuño, e o seu custe será de 31 euros para preinfantil, 35 euros para nenos e nenas, e 70 euros para adultos.
Desde o Club Fluvial explican que, para poder atender á demanda e á súa vez garantir as medidas de seguridade, ofertan un amplo abano de horarios, entre as 16.30 e as 20.00 horas.
Salientan igualmente que os seus cursos de natación son os únicos da capital lucense que contan cun protocolo sanitario específico para garantir a seguridade dos usuarios fronte á covid. Así, e entre outras cuestións, establécese a obriga de respectar as distancias de seguridade e de facer uso da máscara sempre que sexa posible. Recoméndase ademais evitar o uso dos vestiarios.