O Club Motopark xestionará o circuíto de motocross de Lugo

LugoXa
O Goberno de Lara Méndez autoriza a xestión da nova pista de motocross Jorge Prado de Teixeiro por parte do Club Motopark Lugo
Pista motocross teixeiro lugo
15 Xuño 2022

O Concello de Lugo aprobou en Xunta de Goberno a autorización para a xestión, por parte do Club Motopark Lugo, do novo circuíto de motocross Jorge Prado, situado nunha parcela municipal na parroquia de Teixeiro.

Así o avanzou a rexedora que subliñou que “esta entidade deportiva lucense será a encargada de xestionar a pista durante os próximos tres anos, ata un máximo de cinco, achegando un canon anual de 2.150 euros”.

“Deste xeito, damos un paso máis para a apertura destas instalacións, que a partir do vindeiro mes estarán a disposición de todas e todos os afeccionados ao motocross do municipio, unha modalidade deportiva en auxe, grazas, en gran parte, aos éxitos acadados polo piloto lucense Jorge Prado nos últimos anos”, apuntou a alcaldesa.

Lara Méndez lembrou a aposta do executivo municipal para a posta en marcha deste novo circuíto “que será un referente no noroeste peninsular e unha pista única en Galicia polas súas características, podendo acoller competicións mundiais”. Neste senso, a entidade beneficiaria da concesión estará obrigada a compatibilizar o uso do circuíto coa celebración de eventos deportivos programados polo Concello nestas instalacións.

O Club Motopark Lugo encargarase, así mesmo, da execución dun programa de mantemento e conservación da instalación, que se estima en 31.400 euros anuais.

Deste xeito, deberá facerse cargo de diferentes labores de mantemento, entre as que se atopan: a súa limpeza diaria, tanto das zonas de aparcamento, paddock, zonas de público e demais espazos verdes do recinto; o desbroce e limpeza do entorno; ou o mantemento do circuíto, cos medios mecánicos necesarios, para a recuperación do trazado, logo de cada sesión de adestramentos ou, no seu caso, de celebrarse unha competición.

Segundo lembrou o concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, a adxudicataria deberá presentar unha memoria anual da actividade realizada con detalle do número de usuarios, cuotas ou entradas abonadas pola utilización da pista, así como os gastos asumidos e realizados. “No caso de que os ingresos obtidos superen os custos reais reflectidos en dita memoria, este exceso deberá destinarse a melloras na parcela ou aos fins que se acorde co Concello, para atender os gastos ou custos derivados das actuacións municipais no circuíto”, apuntou.

Así mesmo, a entidade que resultou autorizada deberá contratar un seguro de cobertura de responsabilidade civil, que cubra os accidentes dos usuarios, do persoal de mantemento e os diferentes operarios que realicen tarefas nas instalacións.

0.18323087692261