O Club Natación PortaMiñá lidera a Fase Preliminar e será anfitrión da Final da Liga Galega

Este pasado sábado disputouse na piscina de Frigsa a 3ª xornada da Fase Preliminar da Liga Galega de División de Honra, na que compiten os seis mellores equipos de Galicia. Nesta xornada decidíronse os tres clubs que loitarán polo título de Liga o vindeiro 17 de maio e os tres que intentarán evitar o descenso a Primeira División.
Os nadadores e nadadoras do Club Natación PortaMiñá demostraron un alto nivel competitivo, logrando finalizar en primeira posición da clasificación. Grazas a este resultado, o equipo asegúrase o privilexio de ser o anfitrión da Fase Final, que se celebrará en maio na piscina de Frigsa, e terá a oportunidade de pelexar polo título da Liga 2024-2025.
Este logro reforza a gran tempada do Club Natación PortaMiñá, que afrontará a última fase coa motivación de competir polo primeiro posto e coroarse campión da máxima categoría da natación galega.