O Club Natación PortaMiñá pecha a tempada cun balance deportivo “difícil de mellorar”

O Club Natación Portamiñá puxo o broche final á tempada cun rendemento deportivo excepcional, especialmente nas categorías infantís, nas que lograron uns resultados que desde a entidade cualifican de “difíciles de mellorar”.
O pasado domingo concluíu en Pontevedra o Campionato Galego Infantil cun balance moi positivo para o club lucense: proclamáronse campioas galegas na categoría feminina, acadaron o segundo posto na clasificación conxunta por equipos e o sétimo na categoría masculina.
A nivel individual e por relevos, os nadadores e nadadoras do Portamiñá sumaron un total de 22 medallas: seis ouros individuais, tres ouros en probas de relevos, nove pratas e catro bronces.
Uns resultados que consolidan ao club como un dos referentes da natación de base en Galicia e que supoñen un recoñecemento ao traballo técnico e ao compromiso das e dos deportistas ao longo de toda a tempada.