O Club Natación PortaMiñá reclama á Federación Española que escoite “á natación real”

LugoXa
O presidente, Fernando Timiraos, critica as novas marcas mínimas e advirte de que afondan na desigualdade e afastan deportistas
Timi-e-Pablo-recoñecemento-mellor-adestrador
20 Oct 2025

O presidente do Club Natación PortaMiñá Lugo, Fernando Timiraos Carrasco, fixo público un comunicado dirixido á Real Federación Española de Natación no que manifesta a súa “profunda preocupación polo rumbo que está a tomar o noso deporte”.

A mensaxe, titulada “Escoiten á natación real”, chega despois da publicación das novas marcas mínimas esixidas para participar nos Campionatos de España da tempada 2025-2026, que segundo o club lucense “restringen aínda máis a participación e afastan a moitos deportistas da posibilidade de seguir progresando”.

Timiraos denuncia que as decisións federativas “parecen responder máis a unha visión centrada nun grupo moi reducido de nadadores e técnicos que ás verdadeiras necesidades do conxunto da natación española”. Engade que, mentres tanto, “os clubes, adestradores e deportistas que constitúen a base do sistema seguen a enfrontarse cada día á falta de medios, á limitación de instalacións e aos enormes esforzos familiares que sosteñen a práctica deportiva”.

O club lucense lembra que na pasada tempada se rexistraron campionatos cunha participación moi baixa, con probas nas que apenas competían tres nadadores, e critica que, lonxe de facilitar o acceso e fomentar a motivación, as novas marcas mínimas van na dirección contraria. “Estas decisións non só afectan aos clubes, senón ao propio desenvolvemento do deporte no noso país”, subliña o presidente.

Nun segundo comunicado, Timiraos reivindica o papel esencial dos clubes de base e das persoas que traballan na sombra por este deporte. “Levo máis de cincuenta anos vinculado á natación e coñezo de preto os esforzos e as carencias de quen dedican a súa vida a ela”, sinala. O presidente destaca que “as medallas non deben ser a única medida do éxito, tamén o son a participación, a continuidade e a ilusión de miles de nadadores que adestran cada día en silencio”.

Desde o Club Natación PortaMiñá, que preside dende hai dezaoito anos, fan un chamamento “respectuoso pero firme” á reflexión e piden á Federación “coherencia, empatía e sentido común”. “O futuro da natación española pasa por reencontrarse coa súa realidade: os clubes, os adestradores e as familias que a fan posible”, conclúe Timiraos.

⚙ Configurar cookies
0.074225187301636