O Club Natación Portamiñá triunfa na Gala da FEGAN 2025 con dous importantes recoñecementos

O Club Natación Portamiñá de Lugo viviu unha xornada inesquecible na Gala da Federación Galega de Natación 2025, celebrada en Ponteareas, un evento que reuniu á familia da natación galega para recoñecer o esforzo, o talento e a paixón por este deporte durante a tempada 2024/2025.
Entre emocións e aplausos, o club lucense destacou con dous importantes galardóns que poñen en valor o seu traballo constante e o compromiso coa formación deportiva.

O adestrador Pablo Méndez foi distinguido como Mellor Persoa Técnica Galega, un premio que recoñece a súa dedicación, entrega e compromiso diario cos deportistas do club. A súa labor ao fronte do equipo converteuse nun referente pola súa profesionalidade e pola capacidade de transmitir valores de superación e compañeirismo.
Ademais, os nadadores e nadadoras das categorías Prebenxamín, Benxamín e Alevín —Samuel Lema, Nora Canto, Álvaro Zapata e Mía Canto— acompañados pola súa adestradora Carlota Saavedra, recolleron o premio ao Mellor Club Galego de Base en representación de todos os seus compañeiros e compañeiras. Un recoñecemento que enche de orgullo a toda a familia do Portamiñá e que confirma o excelente traballo que o club vén desenvolvendo nas categorías inferiores.