O Club PortaMiñá proclámase campión absoluto por equipos no Campionato Galego Absoluto de Inverno
O equipo PortaMiñá alzouse co título de campión absoluto por equipos por terceiro ano consecutivo durante o Campionato Galego Absoluto de Inverno que se disputou na piscina de Santa Isabel de Santiago de Compostela.
Ademais, consagrouse campión na categoría masculina e nas probas de relevos, batiron os récords galegos absolutos de 4x50 libres e 4x100 estilos, gañando ademais as 5 probas de relevos e demostrando unha enorme fortaleza.
Pola súa parte, o equipo feminino rematou en terceira posición, moi preto do primeiro posto e os equipos de relevos femininos gañaron o relevo de 4x100 estilos, quedándose a só 2 segundos do récord galego absoluto mantido polo CNGalaico, integrado, entre outras, polas míticas e olímpicas Bea Gómez e María Vilas. Isto demostra o nivel das rapazas do PortaMiñá, que ademais obtiveron a prata noutros catro relevos.
A superioridade do PortaMiñá evidénciase nas 19 medallas logradas en probas individuais (15 de ouro, 3 de prata, 1 de bronce) e nas medallas obtidas nas 10 probas de relevos, onde conseguiron o ouro en 6 ocasións e a prata en 4.
"Foi un grandísimo campionato para todo o equipo, consolidando a súa posición como un dos referentes na natación galega", destacan desde o club.