O Club Voleibol Emevé de Lugo presentou aos seus equipos na pausa dun partido
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o labor que realiza o Club Voleibol Emevé na dinamización do deporte base, “sendo un dos principais responsables da expansión desta modalidade deportiva na provincia”.
Arias participou na presentación dos equipos do club, que se celebrou entre o partido da Liga Iberdrola que enfrontou ao Arenal EMEVÉ e o Sayre, e o da Superliga masculina entre os lucenses e o Guaguas.
O delegado subliñou que “é un luxo contar co único club de España que ten os dous conxuntos na máxima categoría do voleibol” e que conta cunha “excelente canteira que non deixa de medrar e que é garantía de que poderemos seguir desfrutando do mellor voleibol na cidade por moito tempo”.
O delegado manifestou ademais a vontade da Xunta de seguir colaborando coa entidade “nas iniciativas que organizan e que contribúen a manter a Lugo en primeira liña neste deporte”.
Así, lembrou que este ano o Goberno galego colaborou co Campionato de España de Voleibol infantil Masculino ou co IV Trofeo Internacional de Volei feminino, entre outras propostas.