O Club Voleibol Emevé Lugo dedicará o dobre partido deste sábado ao 25N
O Club Voleibol Emevé Lugo dedicará o dobre partido deste sábado á sensibilización sobre o deporte feminino galego e á loita contra a violencia machista, con motivo do 25N.
A xornada deportiva terá lugar o sábado 23 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, cun dobre encontro. O equipo feminino do Emevé xogará contra o Madrid Chamberí ás 18.00 horas, mentres que o equipo masculino se enfrontará ao Pamesa Teruel ás 20.30 horas.
O deputado Pablo Rivera, que participou no acto, felicitou ao Club lucense por visibilizar e reivindicar na pista un ano máis a violencia contra as mulleres.
“Desexaríamos ter que estar aquí falando dunha sociedade libre de violencia machista, porque iso significaría que esta lacra social xa estaría erradicada. Lamentablemente, a realidade é ben distinta", subliñou.
Ademais, destacou que “o Emevé é un club que educa en valores, favorecendo a igualdade, pero tamén a leva á práctica, porque naceu sendo exclusivamente feminino e medrou dirixido por mulleres”.
No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes de Lugo, Jorge Bustos; a presidenta do Club Voleibol Emevé Lugo, Bibí Bouza; o adestrador do equipo feminino, Hirginio Artiles; as xogadoras Ainara Burgo e Maira Weestergard; e o adestrador do equipo masculino, José Valle, entre outras autoridades.