O CN PortaMiñá Lugo coróase campión por equipos no Memorial Internacional Juan Varela

O Club Natación PortaMiñá Lugo volveu demostrar o seu excelente momento de forma proclamándose campión por equipos no Memorial Internacional Juan Varela celebrado no Concello de Ferrol.
Tan só unha semana despois de loitar polo título da Liga de División de Honra, o equipo absoluto amosou que non se cansa de competir e colleitou un total de máis de 26 medallas nas distintas probas disputadas ao longo da xornada.
Un dos momentos máis destacados foi o protagonizado polo equipo de relevos 4x100 estilos mixto, formado por Martín Vázquez, Sofía Mourenza, Inés Mourenza e Brais Novo, que non só se alzou coa medalla de ouro, senón que tamén bateu o Récord Galego Absoluto en piscina de 25 metros cun tempo de 3:58.89, consolidando así o seu dominio na categoría.
No apartado individual, os resultados tamén foron excepcionais. Brais Novo foi recoñecido como o mellor nadador do trofeo segundo a puntuación FINA, mentres que Martín Vázquez acadou a segunda posición na clasificación masculina. Na categoría feminina, Inés Mourenza logrou subir ao podio cun meritorio terceiro posto.
O CN PortaMiñá Lugo continúa así sumando éxitos e deixando o nome da natación lucense no máis alto, tanto a nivel autonómico como nacional, nunha tempada marcada pola entrega, o talento e a superación constante.