O cociñeiro lugués José Luís Pardo recibe o segundo premio no concurso de tapas de Madrid Fusión
O cociñeiro José Luís Pardo, que foi galardoado co segundo premio no concurso estatal de tapas celebrado no marco do prestixioso Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión, foi recibido no Concello de Lugo.
O chef estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e representantes da directiva da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL), organización coa que colabora a área de Cultura no desenvolvemento de diversas actividades ao longo do ano.
Durante o encontro, Maite Ferreiro destacou a importancia deste recoñecemento para Lugo, subliñando que "a gran calidade gastronómica da cidade, cun gran número de locais hostaleiros, é un valor que nos permite promocionarnos a nivel internacional". A edil tamén resaltou que o concurso de tapas non só serve para afianzar a imaxe de Lugo como destino turístico sostible, senón tamén para reforzar a visibilidade da hostalaría local nun foro de talla mundial.
Este ano, o Congreso Madrid Fusión contou coa participación de máis de 26.000 asistentes de 63 países, sendo un dos eventos máis relevantes no ámbito da gastronomía internacional.
Ao longo de tres intensos días, celebráronse demostracións, formacións e presentacións de expertos culinarios, facendo desta edición un espazo clave para o intercambio de coñecementos e novas tendencias gastronómicas.