O Codex Cinema de Lugo acollerá o próximo venres 29 de abril o estreo da película 'El cuarto de mona'
O Codex Cinema de Lugo acollerá o próximo venres 29 de abril o estreo da película “El cuarto de mona”.
O filme conta a historia de Mona (Sabela Hermida), unha muller á que todo lle vai mal. En plena crise dos corenta, sen traballo, sen parella, sen cartos e co soño de ser actriz decide rematar os seus días tirándose por unha ponte, porén, unhas chamadas no último momento lle recordarán que queda pouco para o seu aniversario. O que parece que pode ser un intento de volver á normalidade na súa vida desencadeará unha semana frenética con todo tipo de situacións disparatadas.
A película está producida por Abismo Caracol que naceu da man de Darío Autrán no ano 2009 cunha intención clara: facer cine e teatro diferente.
Mona é unha película con moito ritmo que foi rodada en decembro de 2020 con máis de 50 persoas no equipo e máis de 20 actores e actrices entregados.
Darío Autrán, o director da película, iniciou a súa carreira cinematográfica con 19 anos escribindo e protagonizando “Orxo”, unha tv movie rodada en Galicia. Ao finalizar este proxecta rodou a súa primeira película en 2010 Tilda&Jean. Esta película obtivo numerosos nomeamentos á mellor película no festival de Cine de Autor Internacional de Lugo, Cinelow I Director Emergents e nos Premios Mestre Mateo 2013. Despois disto iniciou a súa triloxía onde tamén e nomeado en festivais internacionais e, comeza a desenvolver traballos como guionista na televisión de Galicia á vez que funda a súa produtora teatral e audiovisual Abismo Caracol.