O colectivo Castro Fest organiza a gran Festa de Entroido en Castro Ribeiras de Lea

LugoXa | TerraChaXa
Será o 29 de marzo con máis de 4.000 euros en premios e unha cea con moitas sorpresas
recurso-entroido-mascara-carnaval
26 Mar 2025

O vindeiro sábado 29 de marzo, a localidade de Castro de Ribeiras de Lea acollerá unha gran celebración do Entroido que terá lugar na Carballeira da praza da Vila, onde se instalará unha carpa climatizada de 400 m² para garantir o confort dos asistentes.

A xornada festiva arrancará ás 12:00 horas cunha animada actuación da charanga A Folixa, que percorrerá as rúas da vila. Ás 13:30 horas, o grupo Zona Zero protagonizará unha animada sesión vermú.

Pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase o Gran Desfile de Entroido, que estará animado e retransmitido por David Expósito. A xornada gastronómica contará cunha cea de confraternidade aberta ao público en xeral, mesmo para aqueles que non participen no concurso. O menú incluirá empanada, xamón cocido, churrasco ou criollo, sobremesa e bebida por un prezo de 20 euros. Durante esta cea, terá lugar un sorteo especial de 200 euros entre os tíckets da comida, polo que se recomenda non desfacer os comprobantes.

A partir das 23:00 horas, arrancará a verbena da man do grupo Zona Zero e o DJ David Expósito. Ás 00:30 horas será a esperada entrega de premios e o sorteo de caixas sorpresa.

No apartado de premios, repartiranse máis de 4000 euros en diferentes categorías. Haberá tres gañadores nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual de adultos. As retribucións serán de 550 euros a 150 euros nas tres primeiras, mentres que nas outras dúas oscilarán entre os 200 e os 30 euros.

Tamén haberá premios para grupos, parellas e individual infantil tamén con premios que van dos 250 euros no primeiro caso ata os 20 euros.

As reservas para participar e para a cea estarán abertas de forma gratuíta ata o 26 de marzo ou o propio día do desfile na carpa. As entradas para a cea poden adquirirse en establecementos locais como Amendoa, L&M e Enrique.

O evento está organizado pola Asociación Castro Fest e conta co patrocinio do Concello de Castro de Rei e a Deputación de Lugo.

cartel-entroido-castro-ribeiras-de-lea
⚙ Configurar cookies
0.2962498664856