O colectivo friolés Fonte da Xonza organiza unha viaxe cultural este sábado
LugoXa | TerraChaXa
A saída está programada para as 9:00 horas diante do Concello, e os prezos son de 15 euros para socias e 20 euros para non socias
24 Oct 2024
Co gallo da celebración da nova directiva, a Asociación de Mulleres Rurais Fonte da Xonza de Friol organiza unha viaxe cultural este sábado 26 de outubro. A xornada comezará pola mañá cunha visita á Horta Labrecos e aos petróglifos, ofrecendo ás participantes a oportunidade de coñecer a agricultura ecolóxica e as inscricións prehistóricas da zona.
Pola tarde, o itinerario continuará cun percorrido pola Aula Mandeo, un espazo dedicado á divulgación ambiental, seguido dunha visita guiada pola cidade de Betanzos.
A saída está programada para as 9:00 horas diante do Concello, e os prezos son de 15 euros para socias e 20 euros para non socias. O evento conta coa subvención do Concello de Friol.