O Colectivo Galicia Baleira denuncia as "demoras no recoñecemento da Dependencia"

LugoXa | OurenseXa
A Xunta de Galicia asume, con datos de 2024, que o proceso de recoñecemento da dependencia se incrementou con respecto a 2023, 2022 ou 2021. "En lugar de mellorar, empeoramos"
maiores-recurso
27 Nov 2024

Desde o Colectivo Galicia Baleira, presente sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, fanse eco das queixas que reciben por parte das familias que denuncian as "demoras no recoñecemento da Dependencia", xa que a lei establece un período de 6 meses, como máximo para o recoñecemento da Dependencia, e, en realidade, "desde que se inician os trámites ata que culminan co recoñecemento do GRAO de dependencia e o consecuente dereito a recibir prestacións, na actualidade en Galicia este proceso adoita durar 2 anos e medio (5 veces o que establece a lei como máximo). Mesmo hai casos, cónstanos onde o proceso chega a durar 3 anos", explican desde o colectivo.

A Xunta de Galicia asume, con datos de 2024, que o proceso de recoñecemento da dependencia se incrementou con respecto a 2023, 2022 ou 2021. "En lugar de mellorar, cada día empeoramos un pouco máis e todo isto significa que o colectivo de persoas máis vulnerables da sociedade galega, os maiores dependentes, teñen que sufrir pola incapacidade xestora da Xunta de Galicia, a dilación e o atraso no recoñecemento da dependencia, o cal implica problemas aos dependentes para contratar coidadores ou para recibir axudas coas que pagar unha praza nunha residencia de maiores", critican.

Ante a carencia de prazas en residencias públicas, unha praza nunha privada ten un custo medio mensual de 2.500 euros, mínimo, "o cal significa que os nosos maiores teñen que esgotar os aforros de toda unha vida ou depender das axudas de fillos ou familiares #ante a incompetencia dos servizos sociais da Xunta de Galicia", denuncian.

Ante esta situación, Galicia Baleira pide ao goberno galego a eliminación de trámites burocráticos que dilatan o proceso de recoñecemento da Dependencia, unha campaña para informar dos trámites, axudas, dereitos, etc. que ten o recoñecemento da Dependencia, un incremento significativo na dotación de medios e unha maior coordinación e eficacia entre os servizos afectados no recoñecemento da Dependencia.

Así, conclúen criticando que "Galicia é a peor comunidade autónoma no tempo empregado no recoñecemento da dependencia coas consecuencias que isto ten para os nosos maiores e as súas familias. É realmente tétrico e inadmisible que moitos solicitantes da dependencia, cando a Xunta de Galicia trata de informarlles do fin do proceso, os solicitantes, en moitos casos, xa morreron".

0.16620802879333