O Colectivo Patrimonio dos Ancares acha un asentamento romano en Cereixedo, Cervantes
O Colectivo Patrimonio dos Ancares asegura que o Teso do Castelo foi un antigo asentamento de época romana. O grupo fixo unha primeira incursión no ano 2016 na parroquia de Cereixedo en Cervantes. Froito desta primeira exploración acharon parte dun muro, un anaco dun recipiente cerámico e dúas moedas, unha de cobre datada do ano 2106 coa inscrición “Philippvs III. Hispaniarvm rex”, e outra que non se puido descifrar debido ao desgaste polo paso de tempo. As dificultades de acceso e a vexetación impediron que se seguira investigando, mantendo coma hipótese que podería ter relación co castelo de Doiras xa que está a un quilómetro de distancia do asentamento.
No mes de xaneiro de 2021, o colectivo volveu ao terreo para unha segunda incursión no Teso do Castelo, o promontorio rochoso encóntrase a 680 metros de altitude e o seu acceso é posible tan só por un empinado e estrito paso cheo de maleza. Nesta segunda visita, o colectivo localizou unha zona chaira de 22 por 25 metros que se atopaba protexido na parte norte e oeste por afloramentos verticais e por un muro artificial no sur. Sobre este terreo localizaron pedras que formaban parte dalgunha edificación, anacos de recipientes cerámicos, abundante tégula e dous grosos anaxos de vidro.
Estes achados confirman a existencia dun asentamento romano e barallase a hipótese de que estivera relacionado coas explotacións mineiras da zona, xa que tan só no Concello de Cervantes hai preto de 70. Ademais tamén pode que exista unha relación coa Vía romana XIX procedente de Ransinde na Braña (Bierzo) que tiña o acceso a Galicia polo Corneal en Cervantes pasando polas inmediacións do Teso do castelo e continuaba cara O Fabal e As Pontes de Gatín en Becerreá. Neste núcleo existe un miliario romano que se reutilizou a posteriori,e onde os investigadores ditúan a mansión de Pons Neviae.