O colectivo Ruando trasladou as súas propostas á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro

LugoXa
A edil Maite Ferreiro destaca o papel desta agrupación de fotografía de rúa e aposta por seguir colaborando para dar visibilidade á creación artística local
Colectivo-Ruando-Concello-de-Lugo
10 Mar 2026

Integrantes do colectivo fotográfico Ruando, unha agrupación de fotógrafos e fotógrafas de Lugo tanto afeccionados como profesionais centrados na fotografía de rúa, mantiveron un encontro coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro.

Durante a reunión, a edil destacou que se trata de “unha das maiores agrupacións artísticas de Lugo” e animou ás persoas integrantes a continuar “descubrindo a cidade a través da fotografía”.

No encontro, Maite Ferreiro escoitou as distintas propostas trasladadas polo colectivo e asegurou que o Goberno municipal manterá a colaboración con esta entidade e co conxunto do tecido artístico local. Segundo explicou, o obxectivo é continuar utilizando as instalacións museísticas da cidade como espazos para amosar a creación cultural que se produce en Lugo.

A concelleira lembrou que o pasado ano o colectivo presentou no Vello Cárcere a exposición A rúa como espello: unha ollada á alma urbana, unha mostra composta por 40 fotografías contemporáneas realizadas polos membros e membras de Ruando.

O colectivo Ruando configúrase como unha comunidade aberta de fotógrafas e fotógrafos, tanto afeccionados como profesionais, interesados na fotografía de rúa. A súa actividade ten un carácter didáctico e sen ánimo de lucro, coa finalidade de ofrecer ferramentas e coñecementos que faciliten a aprendizaxe deste xénero fotográfico. Ademais, funciona como un espazo de encontro no que compartir imaxes e experiencias vinculadas á práctica da fotografía urbana.

A fotografía de rúa constitúe un xénero da fotografía documental centrado en capturar momentos espontáneos en espazos públicos. Neste tipo de imaxes non existen actores nin guión previo, senón escenas da vida cotiá tal e como acontecen, ás veces crúas e noutras ocasións sorprendentemente poéticas.

Máis alá da técnica, esta disciplina baséase na capacidade de observación, na intuición e no respecto polas persoas retratadas. Trátase de saber detectar instantes que pasan desapercibidos para moitos e anticiparse ao que está a piques de suceder para inmortalizar un momento único.

0.11969614028931