O colectivo Vía Küning e o Concello de Lugo firman cun convenio con Peregrinos por Cantabria

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu no Concello de Lugo aos aproximadamente 35 integrantes do colectivo Peregrinos por Cantabria, formado por uns 300 socios, na súa visita á cidade, como parte dos actos de irmandade coa Asociación Vía Künig de Lugo, que tamén estivo representada por gran parte da xunta directiva, entre eles o seu presidente, Javier Gómez. O rexedor municipal tamén asinou o acordo conxunto entre ambos grupos e o Concello de Lugo para impulsar a recuperación, difusión e colaboración a prol deste percorrido xacobeo.
Miguel Fernández recomendoulles varios enclaves da cidade, en especial a visita á Catedral, á Muralla e ao punto no que conflúen os tres Patrimonios da Humanidade de Lugo. Ademais desexoulles unha boa estancia na cidade ao tempo que sinalou que “é un pracer recibirvos e celebrar este acto de irmandade entre a Asociación Vía Künig de Lugo, Peregrinos por Cantabria e o Concello de Lugo, que simboliza a unión e a paixón polo Camiño de Santiago. Tamén supón reforzar o vínculo e a alianza por este itinerario da Vía Künig, que estou convencido seguirá gañando adeptos, grazas á beleza do seu percorrido pero tamén ao traballo e ao compromiso dos que integrades as asociacións que a impulsan”.
A de hoxe foi a segunda parte do acto de irmandade entre os colectivos galego e cántabro, despois dunha primeira xornada celebrada o pasado 5 de xullo en Cantabria, en Castro Urdiales. Onte, entraron na provincia lucense seguindo o itinerario de Herman Künig, visitando As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo. A vía Künig entra a Galicia por Pedrafita do Cebreiro, ao igual que o Camiño Francés, para despois seguir o itinerario do Camiño Primitivo, pasando por Lugo. A ruta por Cantabria é unha variante do Camiño da Costa, que parte desde Irún en dirección a Santiago de Compostela.