O Colexio A Milagrosa entrega 3.820 euros ao comedor social de San Froilán

O Colexio Plurilingüe A Milagrosa fixo entrega este martes dos 3.820 euros recadados na carreira solidaria ‘Tus pasos su alimento’ ao comedor social de San Froilán, nun acto no que participaron varios alumnos e alumnas do centro educativo, acompañados pola profesora María Santos, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A iniciativa, celebrada o pasado 23 de febreiro co apoio da Xunta de Galicia, acadou unha ampla participación, tanto da comunidade escolar como da cidadanía lucense. O delegado territorial destacou que “foi un éxito de organización e de participación”, e puxo en valor “o compromiso do colexio A Milagrosa á hora de impulsar unha actividade que une deporte e solidariedade”.
Arias tamén salientou a colaboración do Goberno galego “cun evento que promove hábitos saudables e, ao mesmo tempo, contribúe ao labor social dunha institución tan arraigada na cidade como o comedor social de San Froilán”.
A doazón permitirá reforzar os recursos destinados á atención das persoas máis vulnerables, nun xesto que exemplifica o espírito solidario da mocidade e da comunidade educativa lucense.