O Colexio A Milagrosa entrega 4.000 euros ao comedor social de San Froilán

O Colexio Plurilingüe A Milagrosa de Lugo fixo entrega ao comedor social de San Froilán dos 4.000 euros recadados na terceira edición da carreira solidaria 'Tus pasos su alimento', que se celebrou o pasado domingo e contou novamente co apoio da Xunta.
No acto participaron o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e tres alumnos do centro acompañados pola profesora María Santos.
Arias felicitou ao CPR A Milagrosa “polo novo éxito de organización e participación” desta iniciativa, “que combina os valores do deporte coa solidariedade e implica á comunidade educativa nun proxecto con impacto directo na contorna”. Ademais, destacou a resposta da cidadanía lucense, que cada ano se suma a esta carreira para apoiar unha causa social.
Durante o acto, o delegado tamén puxo en valor o labor que desenvolve o comedor social de San Froilán, “unha entidade cunha fonda traxectoria na cidade, que desde hai 25 anos ofrece apoio ás persoas que máis o necesitan, proporcionándolles non só alimento senón tamén acompañamento e atención”.