O Colexio A Milagrosa organiza a carreira solidaria ‘Tus pasos, su alimento’ en apoio ao comedor San Froilán

LugoXa
A terceira edición da cita celebrarase o 1 de marzo en Lugo e busca fomentar a solidariedade e a convivencia entre nenos e adultos
carreira-popular-solidaria-colexio-A-Milagrosa-Lugo
20 Feb 2026

O Colexio Plurilingüe A Milagrosa, de Lugo, organiza a carreira popular solidaria ‘Tus pasos, su alimento’, que celebrará a súa terceira edición o domingo 1 de marzo en beneficio do comedor San Froilán. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, lembrando que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de febreiro. As persoas interesadas poden anotarse a través da páxina web ccnorte.

Como nas edicións anteriores, haberá carreiras divididas en diferentes categorías e unha andaina pola Muralla, esta última sen carácter competitivo. Nesta ocasión, tanto a saída como a meta situaranse diante do centro educativo, na praza de Ferrol. Ademais, ofrécese a opción de colaborar mediante a adquisición dun dorsal solidario sen necesidade de participar nas actividades.

O obxectivo da iniciativa é apoiar o labor do comedor social San Froilán e promover entre os participantes, especialmente entre os nenos e nenas, valores como a solidariedade, a igualdade e a convivencia.

Durante a presentación, Arias felicitou ao centro educativo por manter esta iniciativa, “que conxuga os valores do deporte coa solidariedade” e destacou que tamén contribúe a visibilizar “o importante traballo que o comedor social San Froilán desenvolve desde hai 25 anos na cidade, non só ofrecendo alimento senón tamén acompañando ás persoas que máis o necesitan”.

⚙ Configurar cookies
0.087409019470215