O Colexio A Milagrosa organiza unha carreira popular solidaria o 24 de febreiro
O Colexio Plurilingüe A Milagrosa de Lugo organiza a primeira edición da Carreira Popular Solidaria, que se celebrará o sábado 24 de febreiro a partir das 11.00 horas, baixo o lema Os teus pasos o seu alimento. A saída será na praza de Santa María a partir das 11.00 horas para os rapaces e ás 11.30 horas para a categoría absoluta e andaina, sendo as metas na mesma praza. A entrega de dorsais farase no colexio o venres de 18.00 a 20.00 horas e o sábado dende as 9.00 ata as 10.30 horas.
Para os máis pequenos estableceranse un número determinado de voltas ao redor da catedral. No caso das categorías Sub14 e Sub16, darán unha volta á muralla con saída e chegada na praza de Santa María. Os percorridos de adultos sairán tamén da mesma praza, darán dúas voltas á muralla e volverán a meta na praza.
Os pitufos, que serán os primeiros en saír, deberán enfrontar un percorrido de 130 metros, seguido do resto de categorías menores, sendo a carreira absoluta ás 11.30 horas cun percorrido de 4,7 quilómetros. A andaina sairá despois da carreira absoluta, cunha distancia de 2,5 quilómetros.
As inscricións teñen un prezo de 4 euros para as carreiras da rapazada e 6 euros para a andaina e a carreira de adultos. Dado o carácter solidario do evento, unha vez feita a inscrición non se devolverá o importe baixo ningún concepto. No caso de querer facer cambios na inscrición, poderanse cambiar un participante por outro abonando 1 euro, aínda que non se permitirá ningún cambio a partir do día 20 de febreiro (inclusive).