O Colexio de Odontólogos reúnese coa Xunta para impulsar iniciativas solidarias e tecnolóxicas

A presidenta do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, María Núñez, mantivo un encontro co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, co obxectivo de avanzar na cooperación entre o Goberno galego e o colectivo profesional da provincia.
Durante a reunión analizáronse distintas fórmulas de apoio ás accións promovidas pola Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, constituída no seo do propio Colexio para impulsar proxectos de carácter social relacionados coa saúde bucodental e orientados ás persoas con maiores dificultades de acceso a estes servizos.
A xuntanza permitiu tamén coordinar a organización da exposición ‘Sonrisas por el mundo’, que se exhibirá proximamente na sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo. A mostra reúne unha escolma de fotografías pertencentes ao certame convocado polo Consejo General de Dentistas de España e pola Fundación Dental Española, unha iniciativa que procura amosar a diversidade do sorriso en distintas culturas e países a través da imaxe.
No transcurso do encontro, Arias fixo referencia ao recente convenio asinado pola Xunta co sector odontolóxico para facilitar a integración destes profesionais na plataforma de prescrición de receita electrónica privada. Esta ferramenta tecnolóxica permitirá garantir unha correcta transmisión da información e asegurar a interoperabilidade entre os distintos axentes implicados, mellorando así o seguimento e o control dos medicamentos e produtos sanitarios que se dispensan.