O Colexio Marista A Inmaculada de Lugo celebra a súa Festa da Cultura Galega

LugoXa
Convídase a toda a comunidade educativa a asistir ao acto vestida de branco con algún toque floral ou colorido, como saias, vestidos ou coroas vexetais
Maios-Día-da-Cultura-Galega-Maristas-Lugo
15 May 2025

O Colexio Marista A Inmaculada de Lugo celebrará este venres, 16 de maio, unha nova edición da súa Festa da Cultura Galega, unha xornada que une tradición, creatividade e participación comunitaria con motivo do Día das Letras Galegas e da festividade dos Maios.

O evento, organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, contará cunha dobre vertente: unha parte educativa, centrada na posta en valor e no coñecemento do idioma e da cultura galega; e outra parte lúdica, que incluirá música, danzas e a elaboración dun maio, no que colaborará todo o colexio achegando elementos naturais como flores, follas verdes ou fentos, sempre con respecto polo medio natural e sen necesidade de realizar ningún gasto económico.

Ademais, convídase a toda a comunidade educativa a asistir ao acto vestida de branco con algún toque floral ou colorido, como saias, vestidos ou coroas vexetais.

Durante a celebración, levarase a cabo a decoración do maio, representarase a chegada da primavera a través de dous alumnos da ESO caracterizados como maios vivos, contarase un conto e sucederanse bailes colectivos, cancións tradicionais e actuacións do alumnado dos recreos tradi. Como colofón, interpretarase unha última peza musical para pechar a festa con ledicia.

O alumnado da ESO participará activamente na organización do evento e acompañará ao alumnado máis pequeno ao longo de toda a xornada.

⚙ Configurar cookies
0.17112898826599