O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo organizou diversos actos conmemorativos do Día Internacional das Enfermeiras

LugoXa
“Os colectivos sanitarios están a soster o sistema con esforzo e vocación, malia sufrir unha situación límite pola falta de persoal e medios", dixo o rexedor de Lugo
Lugo-Día-Internacional-das-Enfermeiras-2025
12 May 2025

O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, que preside Eva Gómez, organizou diversos actos conmemorativos do Día Internacional das Enfermeiras, nos que participou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto coa concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, representantes da directiva da entidade e os presidentes dos colexios oficiais de Médicos e Farmacéuticos de Lugo, Eduardo Iglesias e Alejandro Mª Sánchez.

“Os colectivos sanitarios están a soster o sistema con esforzo e vocación, malia sufrir unha situación límite pola falta de persoal e medios. O último exemplo é o anuncio do Sergas, que propón implantar videoconsultas en saúde mental mentres seguimos con listas de espera disparadas e sen profesionais suficientes para atender á cidadanía. Ideas que poden parecer innovadoras na teoría, pero que na práctica serven para ocultar recortes e reducir o acceso real á atención pública”, advertiu o alcalde.

Miguel Fernández cualificou esta estratexia como “un paso máis no desmantelamento progresivo da sanidade pública, que substitúe recursos humanos por pantallas e precariza servizos esenciais, especialmente nun ámbito tan sensible como a saúde mental, onde o contacto humano é clave”.

Ademais, o rexedor subliñou que “a área sanitaria de Lugo é, segundo o Consello de Contas, a que dispón de menos recursos. É necesario que se faga un investimento real máis aló dos anuncios propagandísticos”.

Durante a xornada, fíxose especial fincapé na campaña “Mellor pregunta á túa enfermeira”, coa que se busca poñer en valor ás máis de 335.000 profesionais da enfermaría como referentes de saúde e primeiras persoas ás que acudir ante calquera dúbida sanitaria. “Como enfermeiro, para min é unha honra poder acompañar ao colectivo ao que pertenzo e agradecer o seu traballo diario, sempre próximo, silencioso e imprescindible”, expresou Miguel Fernández.

“É importante que a cidadanía confíe nos profesionais formados e non recorra a fontes pouco fiables cando se trata da súa saúde. Esta campaña axuda a reforzar esa mensaxe e a darlle visibilidade ao noso labor desde todos os ámbitos”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.17380118370056